A FAMILIA DO RUFO

Datos Persoais
Curso: 
1º e 2º de E.S.O.

Nunha tarde soleada aos comezos do outono, un home xa maior, coa súa boina e axudado polo seu bastón, andaba paseando e mirando os peixes no peirao de Bueu, entón catro rapaces que andaban enredando por alí achegáronselle e comezaron a preguntarlle por aqueles peixes.

O velliño alegrouse polo interese dos rapaces e comezou a explicarlle como se poderían pescar…entón comezou a contarlles unha pequena historia sobre a vida dun mariñeiro de antes:

Na Illa de Ons vivía a familia González, coñecida como a familia do “Rufo” cariñosamente entre os veciños. O home da casa tiña corenta e dous anos e chamábase Pepe, a súa muller, Maruxa, tiña corenta e un. Ramiro era o seu único fillo e tiña quince anos. Eran unha familia moi coñecida e querida na Illa.
   
Vivían nunha casa moi pequena que tiña unha sala que facía á vez de cociña, e dúas pequenas alcobas; a casa fora herdada dos seus pais e non tiña cuarto de baño -como tantas outras por aquel entón-, pero eles había uns poucos anos que construíran un pegado á casa. A sala contaba cunha cociña de ferro e dunha lareira, para que lles quentara pola noite, antes de se deitar. A casa era das máis vellas da Illa e xa precisaba dalgún arranxo.

Pepe traballaba de mariñeiro, ía pescar polbo e marisco todos os días. Levantábase moi cedo, collía as liñas e as rañas e facíase ao mar co seu bote polbeiro. Mentres, Maruxa facía as tarefas cotiás: lavaba a louza, facía as camas, a comida e a cea e lavaba a roupa, pero a maior parte do tempo pasábao   no campo, plantando patacas, tomates, cebolas, cenorias e demais hortalizas para o seu consumo e tamén para levalas a vender a Bueu os días de mercado. Tamén tiñan galiñas, porcos, coellos e un bonito can que se chamaba Eco.

Pepe gañaba poucos cartos, pero o suficiente como para alimentar, manter a súa familia e pagarlle o profesor a Ramiro.

Na Illa non había escola, pero entre todos os veciños que tiñan nenos acordaron pagarlle a un profesor que vivía en Bueu para que fose á Illa algúns días á semana para que aprenderan a ler e a escribir.

Ramiro ía á “escola” pola mañá, os días sinalados polo profesor e se o mal tempo non impedía que os barcos saísen ao mar e o mestre puidese chegar. Ao saír da escola ía para a súa casa e aínda lle axudaba a súa nai e os días que non tiña escola a acompañaba cando ía vender a Bueu, pero o que máis lle gustaba e lle entretiña era darlle de comer aos animais e xogar con Eco, ir pescar co seu pai, e despois ir á lonxa á venta da pesca , pois gustáballe a leria dos maiores na taberna como remate do día. O peixe que non se vendía na lonxa levábao de volta para a casa onde Maruxa o cociñaba ou o preparaba para conservar: salgado, seco ou afumado, segundo a especie.

A familia reuníase pola noite na casa, para cear. Cando remataban a cea, poñíanse ao redor da lareira, contaban contos, aventuras e pasaban unha noite quentiños ao redor do lume. E Maruxa, mentres, aproveitaba daqueles momentos familiares para facer algunha labor de costura: bordaba un pano, cosía un pantalón ou zurcía uns calcetíns.

Ían para a cama cedo porque ao día seguinte erguíanse co amencer do día para poder ir traballar e poder gañar o pan do día.

Na fin de semana Pepe acostumaba, coa axuda de Maruxa, arranxar  os aparellos mentres que Ramiro miraba como o facían para poder aprendelo rápido e así poder axudarlles. Despois enredaba con outros nenos, que tamén vivían na Illa, xogando á pelota, á buxaina, ás bólas.

Así transcorrían os días na Illa...

Deste xeito aquel velliño remataba de contarlle a súa historia a aqueles rapaces naquela tarde soleada de outono.
 

0
O seu voto: Nada (1 voto)