VOLVER ÁS ORIXES
Dende ben cativo gustábame sentarme na praia e contemplar as ondas do mar mentres esperaba a meu pai e meu avó, que chegaban coa pesca do día. Miña avoa sentábase ao meu carón e contábame historias de piratas e mariñeiros. Ela tamén tiña que esperalos, xa que era a encargada de vender o peixe na praza. Recordo o primeiro día que saín ao mar,con dez anos, como o día máis feliz da miña vida. O vento xogando co meu pelo, as ondas do mar salpicándome a cara e, sobre todo, a marabillosa sensación de liberdade que me invadiu. A partir daquela, volvín saír case todos os días, para axudarlles a meu pai e meu avó.
Pasaron moitos anos, ata que un día ocorreu algo que me marcou para sempre. Era un día de temporal. Meu pai e meu avó decidiran saír a pesar do forte vento, pero non me deixaran acompañalos.
--Non te preocupes, rapaz. Estaremos de regreso antes de que te decates-- dixo meu avó.
Pero non foi así. Pasaron as horas, e eles non regresaron. Á mañá seguinte, cando amainou o temporal, catro homes saíron na súa busca, pero volveron coas mans baleiras. O único que atoparon foi un pequeno anaco de madeira co nome do barco: "Chasula”.
Nun só día, o mar, o meu amigo, a miña paixón, arrebatárame as dúas persoas máis importantes na miña vida. Ese día foi a última vez que baixei á praia en moito tempo. Senteime na area mollada e contemplei a inmensidade do mar que se estendía ante min. Sentín o seu inmenso poder e por primeira vez tiven medo del.
Ao pouco tempo mudámonos ao interior. Co diñeiro que conseguimos ao vender a casa mercamos unha pequena finca e dedicámonos á agricultura. Pasou moito tempo ata que volvín ver o mar.
Regresei á costa ao cumprir 35 anos. Por aquel tempo eu traballaba como repartidor, nada máis lonxe do que de neno imaxinara. Durante todos eses anos botara en falta aquela marabillosa nenez que disfrutara ao lado do meu pai e do meu avó. Co paso do tempo fora perdendo aquel medo que chegara co accidente, e cando regresei á miña aldea para entregar un camión de patacas, o primeiro que fixen foi baixar á praia. Nada cambiara. As gamelas amarradas, o trafegar dos vellos mariñeiros... Unha estraña sensación recorreu todo o meu corpo e empezáronme a caer as bágoas. Souben que nada cambiara, todos os medos de cando era cativo desapareceran e a miña gran paixón volvera con máis forza ca nunca. Alí, de pé sobre a area que tantas veces pisara de neno, decidín recuperar todos os anos perdidos no interior, lonxe do meu verdadeiro fogar. Tardei tres días en chegar a un acordo con Xoán Taberno, un amigo da infancia que traballaba transportando peixe ao interior, para venderlle o meu camión. Co diñeiro no peto fun ao peirao e alí encontrei a un vello amigo de meu pai a quen lle merquei o seu vello barco veleiro.
Durante varios semanas estiven preparando o barco. Cando estivo todo listo, soltei as velas e zarpei no "María Soliña”.
Levo navegando máis de 15 anos. Son simplemente feliz. Unicamente estamos o barco, o mar e mais eu. En ningún momento sinto soedade, nin tristeza, nin morriña. Cada certo tempo atraco nalgún porto para comprar o necesario. Non teño diñeiro, así que pago con peixe, marisco e incluso con historias das miñas viaxes. Ningunha das persoas ás que llas relato logra comprender o meu amor polo mar. Todos pensan que estou un pouco tolo, e quizais teñan razón.







.png)
