Un día de pesca

Datos do Autor
Curso: 
3º e 4º de E.S.O.

Seis da mañá. Soa o espertador. Xa me tardaba . Espertei hai xa uns minutiños. Odio o seu son, mais o Paco dime que é preciso para non chegar tarde á nosa cita diaria. Doume a volta. Non hai ninguén. Todas as mañás doume a volta para atoprar a miña muller e darlle unha aperta. Pero desde hai un ano xa non está. Foi todo tan rápido…, en fin, non estou só, teño catro fillos e un neto, pero non me acostumo a non tela ao meu carón. Xa vou vello, en xullo farei setenta anos, pero négome a quedar quieto coma moitos da miña idade que quedan na casa todo o día, aínda así, hei de recoñecer que xa me custa máis erguerme da cama, non me movo coma antes e o médico prohibiume o sal. A miña muller era igual de inquieta ca min e quizais por iso pasou o que pasou... mellor non pensar, non é o momento. Teño que traballar. Amo o meu traballo. Os fillos dinme que debería xubilarme, pero entón, ¿como vou pasar o tempo? , eu son mariñeiro e non sei facer outra cousa, mentres poida seguirei no oficio.
Érgome e despois de vestirme con roupa de abrigo vou á cociña, tomo un café ben quente e saio cara ao peirao.
Chegando xa ao muelle vexo ao Paco. A pesar de que xa ten os seus anos, vén, coma todos os días, correndo.
- Xosé! Que hai?
- Na, pois aquí, coma sempre...
- Adiantome e espérote no barco.
Camiño polo peirao cara ao meu barco para poñerme mas á obra. Ao avanzar vexo o outro barco da miña propiedade, a Donicela. Esa barquiña xa non serve para ir pescar, non é segura porque está remendada por todas partes e aguanta moi pouco peso, mais nunca me desfaría dela. É a miña dorniña e leva comigo boa parte da miña vida. Fixérama meu avó, que en paz descanse, cando era eu aínda un rapaz  pero xa tiña idade para ir ao mar. El era carpinteiro de ribeira e fíxome a dorna como agasallo polo meu aniversario, o 15 de xullo. Nesa dorna foi onde conquistei a miña muller e pasei tantos momentos e tan bos con ela que non me desfaría dela aínda que só foran astilllas.
Chego ao barco, Paco está a esperar por min e poñémonos a preparar todo o necesario para saír: nasas, redes, cordas... Pouco tempo despois comezamos a navegar.
A costa queda cada vez máis lonxe. O recendo do mar, o son das ondas, o vento, o chiar das gaivotas. Non quero deixar de sentir o que sinto aquí, no mar, a paz é inmensa e reláxame máis ca calquera deses exercicios de ioga ou taichí que tan de moda están e que tanto recomendan agora para as persoas da miña idade. Penso que os médicos deberían receitar as saídas ao mar en vez das pastillas. É relaxante, fai que respires mellor e non contén nada que non sexa natural.
Imos parando o barco pouco a pouco para non espantar a pesca e Paco e eu poñémonos ao choio.
Catro horas despois, as caixas do peixe están cheas e poñemos rumbo cara a terra.
Soan as sirenas da lonxa. Xa avisan da nosa chegada e as pescadeiras corren para coller bo sitio. Dous mozotes achéganse a onde imos atracar para axudarnos a descargar as caixas a cambio dunha pequena propina.
Hoxe conseguimos vender todo. Paco e eu repartimos as ganancias e despedímonos ata maña.
Volvo para a miña casa. Hoxe o camiño faiseme curto. Vou feliz, foi un bo día. A casa está baleira. Preparo un café quentiño, no mar estase moi ben pero cando sopla o vento do nordés vai moito frío.
Toca descansar, mañá será outro día.