CHUCO,”UN MARIÑEIRO DE ALTURA
Un suave raio de sol entra pola fiestra do meu cuarto, deben ser, máis ou menos, as sete da mañá. Escoito un lixeiro son de pasos polo corredor da casa; é “Chuco” ,o meu avó,quen como unha mañá máis, xa se ergueu. E así, como todos os días, se a meteoroloxía llo permite e o seu corpo llo aguanta, este mariñeiro xubilado con moitos anos de experiencia ás costas sae sen case facer ruído cara ao peirao, onde remando vai na súa pequena gamela na procura dalgún peixe que traer á casa.
O meu avó Chuco non é moi alto, é moreno, con esa cor da pel curtida polo sol. Naceu no ano 1937, daquela non era doada a vida do día a día: non foi ao colexio, pero aprendeu a ler e a escribir. Conta que xa aos doce anos comezou a ir ao mar en “lanchas de remos” e xa non coñeceu outro oficio que o de mariñeiro.
Preto dos trinta casou e logo viñeron os fillos, perdeu moitos momentos da súa infancia, os rapaces foron crecendo e facéndose maiores mentres el se gañaba a vida traballando polos mares do mundo adiante.
As mareas que daban por aquel entón eran xa a pesca de altura, por Sudáfrica, as Illas Malvinas aló pola Arxentina, e outros lugares. Podía chegar a botar mareas de ata sete ou nove meses antes de volver pisar a casa que coñecía, e ver a todos os que aquí o esperaban. Ten que ser duro estar separado da familia, dos amigos, mais dentro do barco no que o enrolaban o meu avó era unha persoa sociable, que enseguida facía lazos de amizade cos outros mariñeiros que tamén estaban lonxe dos seus seres queridos, eses lazos de amizade perduraron no tempo xa que no barco todos remataban coñecéndose moi ben, mariñeiros, capitán e outros membros da tripulación, e ás veces, incluso tiñan mascotas a bordo, un pato, un pavo ou un cadelo que unha vez caeu ao mar perseguindo a un paxaro que voaba pola proa e tiveron que ir rescatalo.
Resúltame curiosa a forma en que lle chegaban as noticias da casa cando estaba embarcado: falaban por teléfono vía “costeira” e as conversas, recorda miña nai, sempre tiñan que rematar cada frase coa palabra “cambio” . Noutras ocasións, cando algún barco lles quedaba cerca ou ían a repor víveres a terra, recibía aquelas cartas que a avoa lle escribía, ou algún telegrama, que coa maior brevidade dicía que todos se atopaban ben. De feito,por telegrama, recibiu a nova de que era pai por primeira vez. Ledicia vía correo, diría eu.
Di que a vida non se portou mal con el. Acompáñano recordos de todo tipo, temporais fortes, días de calor, de moito traballo, moitas ou poucas capturas e algúns momentos duros que non esquecerá mentres viva. Contoume que estando á pesca en Sudáfrica, mentres traballaba na cuberta con outros compañeiros, o home que tiña ao seu carón recibiu un forte golpe cunha “estacha” de ferro que saltou, e con bágoas nos ollos, recordau como lle morreu nos brazos agardando axuda médica. Noutra ocasión, foi el mesmo quen tras un forte golpe de mar caeu polo costado do barco, pero non era ese o día en que se tiña que tinguir de loito o corazón da avoa, e, non sen esforzo por parte da tripulación, conseguiron subilo a bordo san e salvo, aínda que con un bo susto no corpo. Imaxino que tivo que ser un momento moi duro para o bo de Chuco.
Escoito un bater suave da porta da casa. E así, como todos os días, se a meteoroloxía llo permite e o seu corpo llo aguanta, este mariñeiro xubilado con moitos anos de experiencia ás costas, sae sen case facer ruído cara ao peirao, onde remando vai na súa pequena gamela na procura dalgún peixe que traer á casa.







.png)
