CONCURSO DE TOPONIMIA MARIÑEIRA BUEUINFORMA 2010: "O BURATO DO INFERNO"

 

CONCURSO DE TOPONIMIA MARIÑEIRA BUEUINFORMA 2010: "O BURATO DO INFERNO"

 

1. DESCARGA BASES DO CONCURSO EN FORMATO PDF.

2. DESCARGA GUÍA DE PARTICIPANTE EN FORMATO PDF.

 

Bases Concurso de Toponímia Mariñeira “O Burato do Inferno” 2010.

INTRODUCIÓN.

A toponimia ou onomástica xeográfica é unha disciplina da onomástica que consiste no estudo e orixe dos nomes propios dun lugar. Os estudos sobre toponimia poden estar encamiñados ao estudo da orixe dos nomes, ou por outra banda á súa recompilación.
A toponimia dunha rexión pesqueira é parte moi importante do patrimonio cultural da mesma. Por unha banda é unha representación do coñecemento mariñeiro tradicional, vinculado a sucesos, acontecementos, valores ecolóxicos ou económicos dunha rexión. Ademais, forma parte da identidade dunha zona, que coñece a situación de determinados puntos polos nomes tradicionais, descoñecidos para o resto da sociedade.
Co paso das xeracións, e en especial coa perdida de poboación dedicada ao mar, prodúcese unha perdida desta parte do patrimonio cultural mariñeiro. Dado o amplo ámbito territorial da Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu, que presenta multitude de praias, esteiros, cantís e escarpas rochosas, illas e illotes, portos, etc. é necesario un extenso traballo de recompilación. En moitos deles, no ámbito de paraxes como Cabo Udra ou o Parque Nacional das Illas Atlánticas (Illa de Ons e Onza), é necesaria a recompilación do coñecemento popular da toponimia da zona, de gran interese para usos posteriores en áreas como a xestión de recursos, turismo, cultura mariñeira, etc.

PARTICIPANTES.

Poden participar todos os pescadores, pescadoras, mariscadores e mariscadoras en activo o retirados, que teñan vinculación coa pesca artesanal no Concello de Bueu.
Poderán participar tamén as persoas relacionadas co mundo da pesca artesanal e o mar do Concello de Bueu (pescantinas, redeiras, profesores, estudantes, navegantes, aventureiros, etc.).
NIVEIS. Establécese unha única categoría. A participación será individual. Poderanse presentar traballos colectivos, aínda que a efectos de premio serán tratadas como individuais.

TEMÁTICA E TRABALLO A DESENVOLVER.

A temática será Toponímia ou onomástica xeográfica mariñeira do ámbito territorial da Confraría de Pescadores de Bueu e seu saber tradicional asociado en todos os seus ámbitos.
Os participantes deberán indicar nun mapa, que poderán descargar da páxina www.bueuinforma.org ou solicitar nas instalacións da Confraría de Pescadores de Bueu, os nomes tradicionais de praias, esteiros, cantís e escarpas rochosas, illas e illotes, portos, cons, etc. Ademais dos nomes indicarán a procedencia ou orixe do mesmo. No mapa encotrarán un exemplo de como realizar o traballo.
Os traballos entregaranse en sobre pechado nas instalacións da Confraría de Bueu.

PRAZO.

Aceptaranse traballos ata o 1 de xuño do 2010.
O concurso difundirase mediante a páxina web do proxecto e a través de mailing, carteleira e prensa.

PREMIOS.

Establécense os seguintes premios:

Concederanse dous premios para dous personas por premio para visitar a Confraría de Lira, coñecer os valores culturais da pesca artesanal nesta zona, coñecer de primeira man a reserva mariña de Lira (Os Miñarzos) e os proxectos de diversificación e comercialización pesqueira deste porto de pesca artesanal. Os premios incluirán:

- Unha noite en habitación dobre con baño, nunha casa de turismo rural en Lira (Carnota).

- 1 almorzo e 1 cea para catro persoas.

- 2 comidas de degustación de productos do mar da zona, para catro persoas cada unha.

- 1 visita á Confraria de Lira acompañados do Patrón Maior da Confaría.

- 1 visita guiada á reserva mariña de “Os miñarzos”, para catro persoas dentro do Proxecto “Mar de Lira”.

- 4 entradas á “Casa de Pepe do Cuco”.

O Xurado poderá conceder accésits ou mención individuais e/ou colectivas.

XURADO.

Establécese un único Xurado para a concesión dos premios. As súas decisións serán inapelables e estará composto polas seguintes persoas:

- Catro representantes da Confraría de pescadores San Martiño de Bueu (ningún poderá participar no concurso).

- Invitarase a técnicos da Consellería do Mar e dos centros educativos participantes no proxecto.

Cada membro do xurado valorará do 1 (mínimo) ao 10 (máximo) cada traballo. Poderase usar como máximo un decimal na valoración. Os gañadores serán os que obteñan a maior puntuación media. En caso de empate o xurado decidirá en segunda votación o traballo gañador.
Na valoración teranse en conta aspectos como: orixinalidade, presentación e información aportada en cada proposta.

FALLO E ENTREGA DE PREMIOS.

Os premiados e a data de entrega de premios será comunicada na páxina web www.bueuinforma.org. O lugar e data concretarase nos próximos meses.

FINAL.

A participación neste concurso implica a aceptación de todos os puntos contidos nas BASES da convocatoria. Os traballos presentados seguirán sendo propiedade dos seus autores. A información recompilada usarase para realizar unha publicación final, citándose aos participantes. Unha copia dos mesmos entregarase á Consellería do Mar. Unha copia dixital, ou un resumo da mesma, será posta na páxina web do proxecto. Calquera incidente coa convocatoria será resolto polo xurado.