CARTA DUN MARIÑEIRO
Querida Isabel:
Bueu, 11de Outubro do 2011
Escríboche esta carta porque non sei se volverei a verte algunha vez. Estes días nos que ti non estás ao meu lado todo é peor. O tempo está revolto pero os mariñeiros mais eu non podemos deixar de ir ao mar, xa que nos fai falla o diñeiro. Toda a culpa a ten esta crise. A boa noticia é que a tormenta fixo que pescáramos moito, xa o di o refrán: “Ao mar revolto, ganancia do pescador”. Pero ese non é o motivo importante desta carta. Xa te estarás preguntando cal é, aínda me lembro do pouco paciente que es.
O que che quería contar nesta carta é que estes días tiven un soño moi raro. Xa sei que non poden ser verdade esas cousas, pero é que non deixan de repetirse os mesmos soños. Neles eu erguíame, como de costume, ás cinco e media da mañá para ir a traballar ás seis, no barco encontrábame cos mesmos compañeiros de sempre, Paco, Xoán e Xerardo, polo que non sabía se era un soño ou estaba esperto, había moi pouca diferenza coa realidade. O caso é que o soño sempre remataba igual, a néboa non nos permitía atopar o peirao á hora de regresar. Todos se poñían moi nerviosos. Xerardo botáballe a culpa ao cambio climático, xa sabes como é Xerardo, sempre ten que botarlle a culpa a algo, para el nada ocorre porque ten que ocorrer, por iso non quixen dicirlle nada sobre estes soños aínda que sabía que me sentiría mellor se llo contaba. ¿Por onde ía? ¡Ah, si! Pois, esa néboa non era normal, nunca víramos algo similar, case non podíamos nin vernos e eso que estábamos a escasamente un metro uns dos outros. E como é de supoñer, esa néboa non nos deixou ver unha ola inmensa que arrasou o barco. Iso foi o peor de todo o soño, xa que naquel momento eu sabía que estaba soñando pero non podía espertar. Iso provocoume moitísima angustia, xa que ninguén de nós se puido amarrar a ningún cabo solto. Todos caímos ao mar, pero como era un soño o impacto non doía, simplemente era a impresión de ver como a nosa vida remataba dun minuto para outro, sen darnos conta do moito que deixábamos na terra, a nosa familia, os nosos amigos, compañeiros, coñecidos, veciños de toda a vida…, deixábamos todo alí e nunca poderíamos volver a velos. No momento no que afogaba vía a túa cara, máis fermosa que nunca, rindo, rindo como cando solíamos xogar, con ese olluelo na túa meixela, con eses ollos azuis mar profundo que tiñan un brillo peculiar, viate como nunca antes te vira. Eu intentaba nadar ata onda ti, intentaba chamarte a gritos pero tiña a boca chea de agua, sentía como os meus pulmóns quedaban pouco a pouco sen osíxeno e eu non podía facer nada para chegar a xunto túa, así que sempre acababa rendíndome. Parecía que o soño quería que me rendira xa que cando o facía espertaba todo mollado, pero mollado na miña suor. Soía espertar antes das cinco e media, pero non podía volver a conciliar o sono.
Pensarás que lle dou moita importancia ao soño, pero é que teño medo. Como dixen antes, podía facerme sentir mellor falar con alguén, pero ti es a única persoa coa que quero falar, ou simplemente, á que son capaz de contarlle algo deste tipo. Sei que non cres que os soños poden facerse realidade, pero teño medo e se ti estiveses aquí pode que me sentise mellor. Non quero preocuparte ao enviarche esta carta, pero síntome mellor sabendo que se me pasa algo, ti estarás ben. Se necesitas axuda sabes que contas con todos os veciños de Bueu. Todos os días pregúntanme por ti as peixeiras. Non quero aburrirte. Sabes que te quero moito e que es o mellor da miña vida. ¡Non chores, meu corazón! Sempre estarei contigo.
Adrián







.png)
