Pesca financia con preto de 72.000 euros o proxecto de formación “in situ” e divulgación da cultura mariñeira “BueuINforma”
A directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro participou hoxe na presentación desta iniciativa promovida pola Confraría “San Martiño”.
Entre as actuacións previstas inclúense actividades formativas nos propios barcos, de autodiagnose e de difusión da cultura marítima a escolares de Bueu.
O material empregado e os resultados acadados difundiranse a través da páxina web de “BueuINforma” para que poidan acceder a eles todas as persoas interesadas.
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2007.- A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos aporta preto de 72.000 euros, a repartir entre 2007 e 2008, para o proxecto “BueuINforma” de divulgación da cultura mariñeira a mozos e de formación “in situ” a pescadores, que se desenvolverá no concello pontevedrés de Bueu. Esta iniciativa foi presentada esta mañá na Confraría de Pescadores San Martiño pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares Cuerpo, así como unha representante da Consellería de Educación, representantes dos colexios que participarán nesta actuación, o patrón maior do pósito e a concelleira de Educación do municipio.
“BueuINforma” é un proxecto promovido polo pósito buenense ao amparo da Orde de 6 de marzo de 2007 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento de concesión de axudas para a realización de proxectos de promoción sociocultural e divulgación nas comunidades pescadoras e o sector pesqueiro. Esta acción está dirixida a escolares, mariscadores e pescadores do Concello de Bueu, así como ao resto de persoas interesados na materia, que poderán consultar o material empregado e os resultados acadados a través da páxina web www.bueuinforma.org.
Esta iniciativa persegue a execución de accións formativas, de promoción e divulgadoras no eido das boas prácticas medioambientais no sector marítimo-pesqueiro, da comercialización ou da diversificación económica. Así mesmo, tratará de actuar no ámbito da organización sectorial, da identificación de riscos, da trazabilidade, da xestión pesqueira e do emprego de novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) aplicadas ao mar. O obxectivo principal é incidir nos actores implicados de forma directa ou indirecta no exercicio dunha pesca responsable e para conseguilo propóñense tres actividades: Formación “in situ”, metodoloxías de asemblea e divulgación da cultura mariñeira.
Dacordo co cronograma previsto, a primeira desas tres accións aplícase entre xullo deste ano e agosto de 2008, aínda que o seu remate estará suxeito ás condicións do mar. Pola súa banda, o segundo apartado levarase a cabo dende xullo de 2007 a xuño do vindeiro ano, mentres que a liña de divulgación porase en práctica de setembro deste exercicio a xaneiro de 2008, aínda que con posibles cambios segundo o calendario escolar dos colexios colaboradores. Ademais, en setembro do próximo ano terá lugar o seminario final coa entrega de premios dos concursos organizados ao amparo de “BueuINforma” e os resultados finais do proxecto.
Formación “in situ” A primeira destas iniciativas implica que sexa o propio docente o que se desprace ao lugar de traballo da persoa que vai recibir a formación, acompañándoa durante a súa xornada laboral. Esto supón, entre outras vantaxes, unha interacción máis persoalizada cos profesionais do mar, unha maior facilidade para identificar necesidades e cambios, unha resposta rápida de solucións e un maior aproveitamento do tempo.
Deste xeito, a formación in situ desenvolverase durante un día normal de traballo da embarcación, informando o docente ao patrón do barco o día anterior sempre que sexa posible. O formador aproveitará os momentos de menor actividade no buque para transmitir á tripulación os aspectos esenciais do programa, aproveitando as tarefas desenvolvidas polos pescadores a bordo para identificar pautas a cambiar. Cada mariñeiro recibirá unha copia dos principais contidos do temario e dos aspectos que o formador identificou de xeito individual como recomendables de cambio. Ademais, faráselles entrega dun formulario ao regreso a porto que permitirá obter información sobre medidas correctoras a aplicar en vindeiras saídas.
Para o caso das embarcacións de pequeño tamaño ou nos plans de explotación de recursos específicos a actuación formativa levarase a cabo de forma conxunta, de modo que o técnico asistirá á zona de pesca para identificar as necesidades e cambios que posteriormente realizar un seminario ou actividade individual en lonxa ou en grupo en aula.
Cabe sinalar que a participación na actividade formativa in situ é completamente voluntaria, se ben tanto os órganos de goberno da Confraría manifestaron o seu apoio a esta acción e o propio sector mostrouse interesado na mesma. Así mesmo, hai que ter en conta que estará dirixida unicamente a labores de formación e de asesoramento, en ningún caso de control ou inspección.
Autodiagnose e divulgación da cultura mariñeira Outros dos eidos a tratar será o de metodoloxías de asemblea, autodiagnose de necesidade e proposta de accións colectivas, co obxectivo último de mellorar as capacidades de actuación en grupo dos colectivos de profesionais vencellados ao mar. Para a realización desta actividade contarase con cinco grupos de 20 a 25 persoas que participarán en tres obradoiros de dúas horas cada un (as sesións serán sobre autodiagnose, técnicas xerais para asembleas e formulación de propostas, respectivamente).
Por outra banda, difundirase a cultura mariñeira entre os escolares do Concello de Bueu xa que, malia a importante relación deste municipio co mar, este traballo vese como unha das últimas saídas laborais e moitos dos mozos descoñecen o funcionamento, estrutura organizativa e exercicio da pesca profesional. O que se pretende é involucrar aos máis novos no coñecemento dun dos sectores socioeconómicos máis importantes de Galicia, así como divulgar esta profesión mediante o uso das novas tecnoloxías.
Este apartado levarase a cabo coa colaboración de tres centros escolares de Bueu: o Instituto de Educación Secundaria Illa de Ons, o Instituto de Educación Secundaria Johan Carballeira e o Colexio Concertado Virxe Milagrosa. Neste caso, realizaranse seminarios dirixidos aos escolares de educación secundaria e bacharelato, que serán realizados por un monitor acompañado do profesor da aula e un pescador ou mariscador da Confraría San Martiño sempre que sexa posible.
Neste eido crearase unha páxina web que permitirá aos escolares participar activamente nos contidos e mellorar os seus coñecementos das TIC e incentivarase a participación dos mozos mediante a convocatoria dun concurso sobre literatura mariñeira e un traballo de investigación. Así mesmo, os colexios que o consideren oportuno poderán realizar visitas guiadas ás instalacións do pósito.
Acto de presentación No acto de presentación de “BueuINforma” celebrado esta mañá na Confraría de Pescadores San Martiño, a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro manifestou que este proxecto recolle de xeito claro a filosofía da Orde de axudas: xerar iniciativas que promovan o cambio de actitudes e que mobilicen a toda a comunidade pesqueira para acadar a sustentabilidade na pesca e a mellora da calidade de vida dos profesionais do mar e as súas familias.
Segundo Fátima Linares, as accións do proxecto, “valiosas e interesantes de por si”, interaccionan reforzando a eficacia de cada unha, á vez que asegurou que o éxito do seu desenvolvemento está garantido. A directora xeral tamén aproveitou a ocasión para darlle a noraboa á confraría, agradecer a colaboración dos participantes e renovar o apoio da Consellería de Pesca a esta actuación.














