Anécdotas dun home de mar

Curso: 
1º e 2º de E.S.O.
ANÉCDOTAS DUN HOME DE MAR

Meu pai comezou a ir ó mar con dezaseis anos e leva case trinta e dous no oficio. Durante este tempo viviu circunstancias mellores e peores. Entre elas houbo tempestades, sinistros, etc. De todo isto, vou contar algunhas historias que recorda, pois xa son moitos os anos que leva embarcado

O CICLÓN DE TERRANOVA

No ano 1979, indo cara Terranova no Leonmarco Tres, á altura das Illas Azores, atopáronse cun temporal ciclónico que desarborou o barco, rompéndolle os medios que tiñan de salvamento. Para recuperalos, a tripulación tivo que faenar amarrada con trocas, porque os golpes de mar que entraban a bordo do barco poñían en perigo a vida dos tripulantes que procedían a trincar os botes, balsas salvavidas e redes.Con aquel golpe de mar quedaron incomunicados, pois queimáronselles os aparellos de navegación, entrándolle a auga nos aloxamentos de descanso. Como non había medios de achique tiveron que achicar auga con caldeiros.

Continuaron a viaxe cara ás illas francesas de Sant Pierre et Miquelón, onde foron arranxar o barco. Tiveron que substituír os cristais que tiñan rotos na ponte por anacos de táboas de madeira. Este era un traxecto que, en condicións normais do tempo levaríalle entre cinco e seis días e debido ó mal tempo e ás condicións nas que se encontraba o barco no que navegaba, levoulle trece días. Esta era a primeira viaxe que realizaba a este caladoiro.

El comenta que, sen chegar a ese lugar, viviu este suceso, e di que se o barco tivese volto ó porto base que era Vigo, non volvería pisar este caladoiro debido ás informacións que tiña sobre el, que había moito mal tempo, que facía moito frío... etc. En cambio, comprobou que só fora aquela marea, porque el faenou durante once anos no mesmo caladoiro e no mesmo barco sen que lle sucedera nada máis ocasionado por un temporal.

A MORTE NO MAR

O día 18 de Novembro de 1985, estando meu pai no Leonmarco Tres, nos caladoiros de Terranova, viviu un suceso moi doloroso.

Estaban os quince mariñeiros preparados na cuberta do barco para botar o aparello ó mar. Cando o aparello baixa pola rampla do barco, leva moitísima forza, debido a que vai pendurado duns cables de aceiro ós que lle chaman lanteóns. O desafortunado protagonista desta historia tivo a mala sorte de, nun descoido, bater co aparello e caer ó mar pola rampa.

Nese intre, os seus compañeiros pararon inmediatamente a faena e foron axudalo desesperadamente. Moveron os reflectores cara ó mar intentando localizalo e axiña deron con el, pois estaba cos brazos levantados pedindo axuda. Lanzáronlle un aro salvavidas a ver se intentaba collelo pero el entre a impresión de caer e a temperatura da auga, que neses mares é moi fría, fracasou no intento e perdérono de vista entre as augas do mar.

Poucos segundos despois volveu a flote pero esta vez xa con menos forzas, e sabendo que tiña poucas posibilidades de seguir vivo fixo un xesto como se quixese despedirse dos seus compañeiros. Ésta foi a última vez que os tripulantes do Leonmarco Tres viron o seu amigo "Trini" (que era o seu alcume a bordo do barco) pois despois diso, volveu desaparecer e esta vez para non volver nunca máis.

Seguiron toda esa noite buscando o seu corpo e despois de pedir axuda estiveron rastrexando a zona durante dous días máis a ver se podían recuperar o seu cadáver pero isto foi imposible. Entón, tiveron que abandonar a zona e poñer rumbo ó porto de Sant Pierre et Miquelón en Canadá para facer os trámites necesarios que lle piden nestes casos.

Logo, celebraron unha misa funeral pola súa alma e moi aflixidos tiveron que voltar ós mesmos caladoiros onde sucedera o fatal desenlace e continuar marea ata Febreiro do ano seguinte

RESCATE DO "MARÍA GALLEGO"

Hoxe en día, meu pai faena no caladoiro de Gran Sol, unha cousa parecida ó de Terranova, pero sen tanto frío. Está embarcado no Pescaberbés Tres. Neste barco tamén viviu un dos episodios que nunca se debería vivir. Tivo que ir ó rescate do "María Gallego" porque eran os que máis preto estaban del. Isto foi xa nunha data recente, en Agosto de 2006.

Eran as cinco da madrugada. El atopábase no seu camarote descansando e foi o patrón a pedirlle que se levantara porque tiñan que ir ó rescate dun barco que se estaba afundindo debido a unha vía de auga. Meu pai preguntoulle sorprendido onde estaba o barco e o patrón contestoulle que a dúas millas deles, pero que xa non se lle miraba o alumado.

Este naufraxio foi unha cousa vista e non vista, pois en cuestión de vinte minutos o barco afundírase. A tripulación do barco sinistrado empregou os medios de salvamento que lles deu tempo. Uns tiñan chaleco, outros non. Algúns tiñan roupa de abrigo, outros simplemente coa que se atopaban na cama, pero todos se botaron ás balsas salvavidas que foi onde os encontraron cando chegaron ó lugar do suceso.

O barco xa se atopaba mergullado entre as augas do mar. Só se vía a ponte do barco somerxida e as antenas da telefonía que era o único que quedaba a flote.

Rescataron, por sorte, a toda a tripulación que se atopaba a salvo en dúas balsas salvavidas, mollados e cheos de frío. Subiron pola escada de gato polos seus propios medios, iso os dunha balsa, porque os da outra rescatáronos enganchando a balsa co guindastre do que dispón o barco xa que doutro xeito o único que conseguirían sería afundilos. Non era un día de mal tempo, pero tampouco había moita calma. Como lle soe chamar meu pai: Un día de "trangallada".

Unha vez a bordo do barco, sans e salvo, déronlle de comer, roupa e calzado e trasladáronos ó porto máis próximo que era o de Castletown, en Irlanda.

Average: 5 (1 vote)