A HERDANZA DUNHA PAIXÓN

Curso: 
3º e 4º de E.S.O.

A HERDANZA DUNHA PAIXÓN

Desde 1920 pasaron moitos anos, si, pero algunhas cousas case non cambiaron. O meu bisavó, fundou nese ano o que actualmente é o estaleiro de Purro. O que ninguén imaxinaba era que nos ía transmitir a moitos descendentes unha paixón, unha paixón fermosa, inigualable.

O primeiro en herdala foi o meu tío Paco, máis coñecido como Paco “Bicho”. Amante do mar coma ningún outro, coñecedor de todo o coñecido e do que está por coñecer, poeta único e amigo de todo o mundo. El decidiu encargar unha dorna, a que máis tarde chamaría “Martola”. Con ela percorreu todos os mares que estaban ao seu alcanze, e agora, aínda que non está aquí, eu sei que segue navegando pero por outros océanos.

O segundo en herdala foi o meu irmán, Nano. El tamén fixo unha dorna, a “Tourona”, cada vez que navegamos nela a brisa trae consigo un recordo que nunca se nos esquecerá.

A terceira son eu, o meu peto segue medrando, pero non de cartos, senón de ilusión. Nun futuro, con esa ilusión, farei tamén unha dorna que levará o nome de “Bicha”, en honor ás persoas que tantas cousas me transmitiron.

A carpintería de Purro estaba situada en Montero Ríos. Nesta zona dábanse as condicións idóneas xa que tiña boas comunicacións, estaba ao lado da praia, e tamén estaba próximo o río Bispo, en cuxo cauce se enterraba a madeira como un tratamento de curación. Moitos veciños comentan a modo de anécdota que cando se canalizou o río aínda había madeira soterrada…Madeira, de carballo xeralmente, destinada á construción de elementos estruturais, como a quilla, a roda e o codaste.

O estaleiro adicaba a súa produción a embarcacións de pequeño porte: gamelas, chalanas, lanchas xeiteiras, botes polbeiros e, incluso, se chegaron a construír unha ducia de traíñas.

O estaleiro está ligado á historia marítima de Bueu: foi a derradeira carpintería de ribeira en activo. A súa imaxe é un vínculo de unión entre o pobo de Bueu e o seu pasado, sempre vencellado aos barcos e ao mar.

Ás veces dóeme escoitar comentarios como “isto non pinta nada aquí” ou “calquera día cae todo abaixo” por iso pido desde aquí que o estaleiro continúe con esa paixón e que ninguén destrúa tanta cultura como hai nel, porque palmeiras e bancos sobran…Non pido que siga nese estado, pero si que o restauren, e,por exemplo, fagan un anexo co museo Massó.

dorna.jpg
Average: 5 (1 vote)