Vida mariñeira

Curso: 
Primaria 3º ciclo

CULTURA MARIÑEIRA

A costa galega exténdese ao longo de 1.195 km desde a Ría de Ribadeo ata a Ría da Garda.
Esta está formada por as Rías Altas (Viveiro, Barqueiro, Santa Marta de Ortigueira e Cedeira, entre outras) no noroeste e norte , as Rías Baixas (Muros, Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo) ó oeste, entre ámbolos grupos atópanse as Rías Centrais (Corme, Laxe, Camariñas e Corcubión).
En todas elas encóntranse importantes pobos pesqueiros onde, ao redor deles desenvólvese a vida mariñeira en Galicia.
Desde séculos atrás, o mar foi un medio de vida para milleiros de familias. Nel atopaban a principal fonte dos seus ingresos, xa que da traballo a mariñeiros, redeiras, pescantinas, empregadas das conserveiras, etc.
Na Antigüidade a pesca foi un instrumento utilizado para o autoconsumo pero, pouco a pouco, coa chegada ás vilas de xente doutros lugares empezouse a comerciar co peixe.
Isto provocou novos empregos coa creación de fabricas conserveiras e de salazóns, que supuxeron a entrada en Galicia da industrialización que xa sufrira o resto de Europa.
Nas vilas costeiras, a pesca segue sendo un sector moi importante que leva consigo unha longa tradición, xa que as costumes mariñeiras pasan de xeración en xeración, aínda que ano tras ano vanse engadindo novos métodos tanto de pesca coma de comercialización, provocando o paso dunha pesca tradicional a unha máis moderna.

TRADICIÓNS E CRENZAS NA VIDA MARIÑEIRA

Ritos de protección: na vida mariñeira existen toda unha serie de tradicións que buscan a protección da casa fronte a toda clase de inimigos invisibles.
Cando as casas están en construcción agóchanse,dentro das paredes,moedas que tiveran unha cruz e cando se rematan póñense en recunchos, ferraduras ou ramos. Hoxe en día estase a substituír por comidas festivas ou polas súa beizón por parte do cura do lugar.
Así mesmo, as entradas da casa estaban protexidas ó colocar ramos con xestas en flor (no mes de maio) ou ó pintar cruces de cor (normalmente vermella) nas portas para que os malos espíritos non entrasen na casa.
Hai tradicións para os barcos novos, xa que cando se produce a botadura dun buque celébrase a cerimonia escachando contra él unha botella de cava, levando beizón por parte do cura ou poñéndolle o ramo ou allos en calquera recuncho da embarcación. Son tradicións que sobreviven probablemente derivadas doutros ritos arcaicos. Outras ocasións onde se celebran ritos de protección dos buques son na noite de San Xoán, cando tamén se lle depositaban ramos de xestas ou codesos, e no sábado de Gloria, espallándolle enriba auga bendita.
Para protexer a pesca, son variados os ritos que, no mundo mariñeiro se realizan co gallo de tentar de atraer a pesca: mediante asubíos, facendo ofrendas ó mar, como botar ó mar anacos de pan de millo, ou indo á misa antes de comezar a tempada de pesca. Outros ritos máis relacionados cos aparellos de pesca, por exemplo cando se remataba de construír un aparello, sobre todo redes, botábanse sobre elas allos, bendicíase con auga bendita ou viño, ou golpeábase cunha pola de acivro. Frecuentemente, e despois dunha mala pesca, era costume mallar a rede cunha xesta ou con vimbios e, incluso o propio barco.

A RELIXIOSIDADE DO MUNDO MARIÑEIRO

A fonda relixiosidade do mariñeiro galego é ben coñecida e dela consérvanse moitos e variados ritos. Non é estraño a busca de axuda sobrenatural cando se hai que enfrontar ós perigos que o mar presenta.
Un dos máis difundido é o do saúdo, consiste en saudar dende o barco ás capelas de virxes ou santos situados nos promontorios da costa. Normalmente acompañábase dun grolo de augardente que o patrón lle ofrecía á tripulación. Outras costumes eran a beizón do barco ó comezar unha nova tempada de pesca ou ir en procesión ata ó santo o que se lle tiña devoción cunha maqueta do buque, que se deixaba na igrexa. Tamén as oracións ou ritos para evitar ben para evitar temporais o ter ventos favorables.
Nas costas galegas sucédense as devocións. Cada aldea, cada Vila, cada lugar zoupado polas ondas e que sabe de invernos escuros e treboentos, foi tendo a súa particular devoción e erguendo o seu senlleiro patrón. Pódese citar a Virxe do Chamorro, patroa dos mariñeiros do Ferrol, San roque na mariña luguesa, Santa Bárbara, señora da Area en Sanxenxo, e que según afirma a tradición ten o honor de impedir que ningún mariñeiro afogue nesas augas, pois como di a cantiga: “Nosa Señora da Area / dona da Lanzada / non permite que o mariñeiro / teña morte afogada”.
Identificacións e advocacións curiosas incluso se dan en lugares como Xuño, en Porto do Son. Alí o cadáver dun descoñecido mariñeiro que levou o mar á area foi identificado como o mesmo arcanxo San Miguel, e a súa tumba era o lugar ideal para deitarse e así recoller os beneficios daquel soño: a seguridade da súa protección e o afastamento de desgracias do mar.

O PAPEL DA MULLER NA VIDA MARIÑEIRA

O papel tradicional da muller na vida mariñeira é variado: non fai falla dicir que cumpría coas tarefas tradicionais que se lle outorgan á muller, isto é, criadora dos fillos e responsable da súa educación e administradora da casa.
Outra función típica da muller era a da venda do peixe. Unha vez descargado o peixe era a muller que tiña que vendelo, na lonxa ou aldea por aldea para trocalo por cartos ou outros productos. Era a dona dos cartos, da despensa. O home solo participaba nas compras maiores ou de aparellos para a pesca. Coa chegada dos Cataláns e dos almacéns da salgadura, a muller entrou a traballar como empregada, como man de obra nas conserveiras. As atadeiras e redeiras, con funcións de compoñer novas rede ou arranxar aquelas que chegan rotas ó porto, ou tamén tintar as redes.

O PAPEL DO HOME NA PESCA

Dende neno, xa nos seus xogos, o neno que nace nunha Vila mariñeira do litoral galego, vaise preparando para a vida que lle agarda: saltando dende as gamelas, pescando nos peiraos, xogando con barquiños de madeira.......
Dende 7 ou 8 anos comeza a enrolarse e pasa a formar parte da tripulación, limpa o barco, axuda na cociña, aprovisionado, era o criado da tripulación e o único que recibía era o aprendizaxe do oficio e o dereito de pescar para sí. Mellorando o seu coñecemento, pasaría a pescar para a comunidade participando no reparto das ganancias, ata pasar á categoría de mariñeiro por decisión colectiva.
Para ser patrón facía falla ser un bo mariñeiro e ter medios económicos para mercar a embarcación, coñecemento sobre os fondos mariños, onde pescar cada tipo de peixe e saber dos mellores sitios para a pesca. Valorábase ter dotes de mando e saber levar con seguridade a tripulación, os aparellos e o propio buque, e ser xusto no seu cargo.
Ser mariñeiro implica un coñecemento total do traballo no barco e ademais do traballo a bordo, tamén debería colaborar no traballo en terra: limpeza de aparellos, arranxo de redes e o seu traslado. A máxima aspiración era chegar a ser dono do seu propio buque, ou , o que é o mesmo, ser PATRON. Cando o barco chegaba a porto o primeiro era apartar unha certa cantidade de peixe, “ o peixe de comer “ ,“ quiñón”. O reparto era responsabilidade do patrón e cada tripulante podería vendelo ou levalo para a súa casa. O resto se vendía para comercialización.

No votes yet